Información para o alumnado do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia

 

A vía oficial e habitual pola que o CNTG efectúa as notificacións e comunicacións ao alumnado é o propio portal web, sen prexuízo de que para determinadas comunicacións poidan utilizarse outras vías como o correo electrónico.

DEREITOS DO ALUMNADO: 

  1. A recibir a formación que imparta o CNTG de forma totalmente gratuíta.
  2. A non realizar o módulo transversal, no suposto de telo xa cursado, sempre e cando o xustifique documentalmente.
  3. A recibir o diploma oficial cando remate o curso cunha asistencia mínima do 85 % das horas lectivas na parte presencial e virtual do curso, e coa superación dun mínimo do 85% das tarefas na parte en teleformación.
  4. A expoñer suxestións e valorar a calidade dos cursos a través das enquisas de control de calidade que se realicen durante o curso.
  5. A usar a rede WIFI do CNTG de acordo coas condicións establecidas polo centro.
  6. No caso de que figure expresamente como beneficio do curso, a opción de realizar de balde, por unha soa vez e nas datas e horas que se establezan, un exame de certificación oficial.
  7. Se durante o desenvolvemento do curso algún/algunha alumno/a desempregado/a formalizara un contrato de traballo, poderá continuar asistindo á actividade formativa sempre que haxa compatibilidade entre o horario formativo e o laboral.
  8. A percibir as bolsas e axudas ás que teña dereito segundo a normativa vixente.

DEBERES E POSIBLES PENALIZACIÓNS QUE PODE TER O ALUMNADO: 

  1. O persoal admitido a unha actividade formativa de carácter presencial/virtual deberá acreditar a súa asistencia polo menos no 85 % das horas lectivas presenciais ou virtuais de dita actividade. No caso de que a actividade formativa conte con parte en modalidade de teleformación, deberá acreditar ter superado polo menos o 85% das tarefas incluidas en dita modalidade de dita actividade.
  2. O abandono do curso ou a superación do máximo do 15 % de ausencias nas modalidades presencia e virtual, ou a non superación de máis do 15% das tarefas na modalidade de teleformación, implicará:
    • A perda do dereito á obtención do diploma de asistencia e, de ser o caso, da opción de realizar o exame de certificación.
    • No caso de non existir causa debidamente xustificada, a penalización de non poder inscribirse nin iniciar ningún outro curso no prazo dun ano a contar dende a data na que se determine a penalización.
  3. Aos efectos do apartado número 2, terán a consideración de causas xustificadas as que a seguir se relacionan:
    • O cambio de situación laboral, pasando de desempregada/o a ocupada/o, que se deberá xustificar co contrato laboral onde figure a data de inicio de nova relación laboral.
    • O cambio de horario laboral, que se deberá xustificar con comunicación escrita, selada e datada emitida pola empresa, e que deberá ser trasladada ao CNTG na mesma data na que a empresa llo comunica ao traballador.
    • Situacións de forza maior debidamente acreditadas que segundo o establecido no artigo 1105 do Código Civil, que esixe que a situación sea IMPREVISIBLE e INEVITABLE, que se deberá xustificar con documentación que acredite a causa e as circunstancias de IMPREVISIBILIDADE e INEVITABILIDADE.
  4. A renuncia ou abandono do curso unha vez publicada a listaxe definitiva de admitidos implicará:
    • Na data de comezo do curso ou posterior, a penalización de non poder inscribirse nin iniciar ningún outro curso no prazo dun ano a contar dende a data na que se determine a penalización.
    • De xeito previo á data de comezo do curso, nun curso con alumnado en reserva, no que NON se poda cubrir a praza renunciada, a penalización de non poder inscribirse nin iniciar ningún outro curso no prazo dun ano a contar dende a data na que se determine a penalización.
    • De xeito previo á data de comezo do curso, nun curso con alumnado en reserva, no que SI se poda cubrir a praza renunciada, suporá a renuncia a cursar o curso e aos dereitos que elo conleva, sen penalización adicional.
    • De xeito previo á data de comezo do curso, nun curso sen alumnado en reserva, suporá a renuncia a cursar o curso e aos dereitos que elo conleva, sen penalización adicional.
  5. Deber de asistir con puntualidade ao desenvolvemento do curso.
  6. Para os efectos de garantir a presenza na actividade formativa do persoal admitido, o CNTG, poderá utilizar diversos métodos de control, como a sinatura de partes de asistencia, ou o rexistro de asistencia das plataformas virtuais nas que se desenvolva a actividade. A sinatura dunha lista de control no nome ou no lugar doutro/a alumno/a implica, para a persoa asinante, a súa automática exclusión do curso sen que se lle expida, en ningún caso, o certificado de asistencia, e a penalización de non poder inscribirse nin iniciar ningún outro curso no prazo dun ano a contar dende a data na que se determine a penalización.
  7. Obriga de realizar o módulo transversal (de igualdade): 
    • O módulo transversal é de obrigada realización para obter o diploma de asistencia ao curso e, de ser o caso, poder realizar o exame de certificación. 
    • A dita obriga vén determinada no artigo 124.1 da Lei 7/2023, do 30 de novembro (DOG núm. 233, do 11 de decembro), para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que indica que  na totalidade das actividades formativas de formación profesional para o emprego financiadas pola consellería competente en materia de emprego e relacións laborais introducirase un módulo sobre igualdade entre mulleres e homes, conciliación e corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de cinco horas nos cursos de duración menor ou igual a cincuenta horas e de dez horas nos cursos de duración superior a cincuenta horas.  
    • O alumnado que o teña realizado, e previa xustificación documental de tal circunstancia, non terá que volver realizalo.
    • A previa realización dun módulo de igualdade de cinco horas non exime de facer o módulo de dez horas. Pola contra, a previa realización do módulo de dez horas exime de realizar o de cinco horas.
    • A non realización ou non superación do módulo de igualdade suporá a penalización de non poder inscribirse nin iniciar ningún outro curso no prazo dun ano a contar dende a data na que se determine a penalización.
  8. A reactivación da demanda de emprego realizarase de oficio por parte da Administración unha vez rematada a actividade formativa.
  9. Dentro da programación de formación profesional para o emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, o alumnado que resulte seleccionado para un curso para desenvolver no CNTG só poderá asistir a outro simultaneamente no caso de que exista compatibilidade horaria entre ambos os cursos (que non coincidan as datas e horas de docencia no caso dos cursos presenciais e virtuais). Tampouco poderá causar baixa nun curso para acceder a outro, salvo autorización expresa do/a director/a xeneral de Formación e Cualificación para o Emprego, por causas excepcionais debidamente xustificadas.
  10. O alumnado deberá comunicar calquera cambio que afecte ás circunstancias que deron lugar ao recoñecemento das distintas bolsas e axudas.
  11. O alumnado deberá asinar unha declaración que permita constatar que a súa situación laboral se atopa dentro das que permiten a participación na formación do CNTG.
  12. Respecto aos compañeiros e compañeiras, profesorado e ó centro:
    • O comportamento na aula debe permitir o normal desenvolvemento da formación.
    • Non se permitirá violencia física ou verbal.
    • Farase un uso axeitado dos medios que o CNTG pon a disposición do alumnado.
  13. O incumprimento dalgún destes 3 últimos puntos (10, 11 e 12) poderá implicar a expulsión da formación e a penalización de non poder inscribirse nin iniciar ningún outro curso no prazo dun ano a contar dende a data na que se determine a penalización.