O CNTG

Escoitar

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) organízase como un centro con xestión e dirección pública encadrado na estrutura orgánica da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. 

O noso obxectivo primordial é contribuír na formación, dende a propia Galicia, dun colectivo profesional dinámico e tecnicamente preparado que saiba dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos sectores do tecido produtivo da nosa comunidade relacionados coas novas tecnoloxías e a sociedade da información. 

Partindo da premisa de que o capital intelectual posúe un peso cada vez maior no desenvolvemento da actividade económica, o CNTG orientará a súa actividade cara aos profesionais dos sectores privado e público, ocupados ou en busca de emprego, que demanden formación técnica de alto nivel relacionada co mundo das novas tecnoloxías. 

Os alicerces sobre os que iniciamos a nosa andaina baséanse nos seguintes valores: 

  • Compromiso coa sociedade galega.
  • Principio de neutralidade tecnolóxica.
  • Potenciación dunha contorna colaborativa e participativa entre o Centro e as empresas, agrupacións empresariais, asociacións multisectoriais e profesionais do sector. 

O CNTG conta cun sistema de calidade que abarca a “PRESTACIÓN DOS SERVIZOS DE DESEÑO E XESTIÓN DA FORMACIÓN NON REGRADA PARA O EMPREGO EN MATERIA DE NOVAS TECNOLOXÍAS E DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN” que se realizan nas súas instalacións.

Proposta de valor

A estratexia do CNTG oriéntase cara á mellora e formación continua dos profesionais, e xa que logo da capacidade competitiva das empresas, que desenvolven a súa actividade no eido das novas tecnoloxías, sector este que, xerando calidade e produtividade sostible, permite a mellora dos servizos e posibilita a redución de desequilibrios territoriais.

Dende a certeza de que o coñecemento é un factor de produtividade, entendemos que, mesmo cas tecnoloxías, os equipos humanos poden quedar obsoletos se ignoran a potencialidade da formación continua como medio de actualización permanente. Este convencemento lévanos a definir e deseñar unha programación de actividades formativas, de carácter intensivo e non regulado, cunha clara orientación laboral e que responda ou se anticipe ás necesidades que o mercado de traballo demande en cada momento.

A orientación laboral do CNTG reflíctese na definición dunhas actividades formativas intensivas e cun deseño axeitado á demanda do mercado. Son actividades a realizar en colaboración con empresas punteiras e cun recoñecido prestixio no sector e mediante un escollido equipo de poñentes e relatores ou técnicos, certificados nos diversos produtos desenvolvidos polos fabricantes tecnolóxicos.

As funcións do Centro resúmense nos seguintes apartados:

  • Realización de actividades formativas. Inclusión na oferta da posibilidade de obter certificacións oficiais dos fabricantes.
  • Detección de tendencias tecnolóxicas e anticipación na formación de profesionais.
  • Desenvolvemento de xornadas de sensibilización sobre novas oportunidades e ameazas do mercado.
  • Establecemento dun modelo estable de colaboración Administración-Empresa.
  • Enlace e ponte entre a formación académica regulada e a demanda do mercado laboral.
  • Apoio loxístico a diversas entidades na realización de actividades relacionadas co marco competencial do CNTG.
  • Papel dinamizador como centro de demostración de novas tecnoloxías e ferramentas.
  • Apoio á industria galega. Escaparate de produtos e desenvolvementos de empresas da nosa comunidade.
  • Organización de seminarios, eventos e reunións.

Política de calidade

O CENTRO DE NOVAS TECNOLOXÍAS DE GALICIA presta os seus servizos formativos á comunidade, proporcionándolle aos traballadores ocupados e desempregados un recurso para a mellora da súas capacidades laborais. Por medio da formación nas diversas especialidades impartidas no centro, o alumnado pode acceder a unha mellor capacitación e cualificación, así como á adquisición das aptitudes, actitudes e habilidades necesarias para promocionarse profesionalmente, inserirse laboralmente ou actualizar os seus coñecementos no eido da tecnoloxía.

A Dirección do CENTRO DE NOVAS TECNOLOXÍAS DE GALICIA, consciente da importancia de satisfacer as necesidades do colectivo ao que a organización se dirixe, así como de avanzar na nosa mellora continua, comprométese a:

  • Desenvolver e implantar o Sistema de Xestión de Calidade que garanta o cumprimento da norma UNE-EN-ISO 9001:2015
  • Facer da mellora continua a nosa ferramenta de traballo, establecendo e revisando periodicamente os obxectivos específicos do proceso de mellora
  • Cumprir cos requisitos legais e/ou normativos que lle sexan de aplicación
  • Promover a participación e responsabilidade de tódolos traballadores da organización no funcionamento do Sistema de Xestión de Calidade
  • Establecer un control de proceso efectivo que sirva para previr, reducir ou eliminar os factores que afecten negativamente á calidade do servizo prestado
  • Proveer os recursos materiais e humanos necesarios para a correcta implantación do Sistema de Xestión de Calidade

Esta política está en consonancia cos valores da nosa organización e debe ser coñecida, comprendida e desenvolta por todos os que formamos parte dela.

A súa implantación é un obxectivo fundamental da Dirección e é responsabilidade de tódolos empregados.

Actividades do centro

As competencias do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia inclúen diversas liñas de actuación que abranguen aspectos formativos, divulgativos ou sensibilizadores sobre o uso, coñecemento e dominio dos diferentes medios ou ferramentas tecnolóxicas dirixidas a optimizar a planificación, xestión e desenvolvemento de proxectos, garantindo a calidade dos resultados e, por tanto, dos servizos ofertados.

Son funcións do Centro:

  • Ofertar e desenvolver actividades formativas dirixidas á formación de profesionais cualificados.
  • Convocar xornadas orientadas a dar a coñecer novas ferramentas, participar novidades normativas ou sensibilizar sobre os beneficios asociados ao uso de determinados medios.
  • Impulsar a implantación das TIC e dos sistemas de xestión do coñecemento.
  • Promover e celebrar seminarios, con posible inclusión de mesas de debate, que ofrezan visións globais de determinadas solucións tecnolóxicas.

Mapa de acceso

Coordenadas GPS: W 8º 33' 16,35"
N 42º 51' 47,21"

Consulte como chegar usando a rede do transporte urbano.

Deberá seleccionar a parada "Rúa de Sánchez Freire (rotonda de Conxo)" no desplegable "Ver las líneas que pasan por la parada".